Actualidade

Programación de Nadal 2019 Concello de Monforte

 

O Concello de Monforte ten preparada unha ampla programación para celebrar as festas de Nadal 2019-2020.

Unha das actividades destacadas, como todos os anos, é o concurso de beléns, no que participan os centros de ensino da cidade. O prazo para inscribirse neste certame estará aberto dende hoxe e ata o luns 16 de decembro, ás 14 horas, e deberá formalizarse no Rexistro Xeral do Concello. O nome dos gañadores coñecerase o martes 17 de decembro. Os premios que entregará o Concello son 100 euros (1º premio), 80 euros (2º premio), 50 euros (3º premio), 30 euros (accésit).

Por outra parte, os máis pequenos da casa volverán participar un ano máis no xa tradicional certame de poesía infantil “Nadal 2019”, da Biblioteca Pública Municipal Poeta Lois Pereiro.

E este ano, terá lugar a montaxe na primeira planta da Casa do Concello de Monforte dun Belén Clásico (diorama monumental) a cargo de J. Antonio Davila, que será inaugurado o luns 9 de decembro ás 13:30 horas.

 

Ademais, hai outras citas que marcan a axenda deste Nadal en Monforte:

XXIª Mostra de Panxoliñas para centros de ensino. Xoves, 19 de decembro, ás 18 horas no Edificio Multiusos.

 

 

 

 

 

 

 

Festival de Nadal do Conservatorio Municipal, na honra de Luis Nieves. Venres, 20 de decembro, ás 20 horas no Edificio Multiusos.

Mercado de Nadal 2019. Sábado 21 e domingo 22 de decembro na Praza de Abastos.

Concerto Corais de Nadal. Sábado, 21 de decembro, ás 20 horas, na Igrexa Nosa Señora da Antiga-Colexio PP. Escolapios. A actuación estará a cargo da Coral RENFE de Monforte, a Coral Voces e Cordas de Sobrado do Bispo (Ourense) e a Coral Polifónica Concello de Monforte.

 

 

 

 

 

 

 

Espectáculo para todos os públicos (a partir de 3 anos). Representación de Duncan de Palleiro, da Compañía Lilá Teatro, o luns 23 de decembro, ás 18 horas, no Edificio Multiusos.

 

 

 

 

 

 

 

O Apalpador visitará as rúas da cidade e a zona dos mercados-Praza de Abastos durante a mañá do martes, 24 de decembro.

 

 

 

 

 

 

 

O venres 27 de decembro, a compañía Lucecús Teatro representará unha comedia destinada a público familiar: A verdadeira historia do poeta Manuel de Paderna. Será ás 18 horas no Edificio Multiusos.

 

 

 

 

 

 

 

Concerto da Sociedad Filarmónica de Monforte. O venres, 27 de decembro, ás 20:15 horas, na Casa da Cultura, a cargo da Familia Moriatov.

Festa infantil de Noite Vella, o luns, 30 de decembro, na zona de mercados da Praza de Abastos. Será de 11 a 13 horas.

 

 

 

 

 

 

 

Tamén o luns 30 de decembro, a compañía Titiriterra representará teatro de títeres para público infantil e familiar: Belarmina, a fabulosa belutina. Será ás 18 horas no Edificio Multiusos.

 

 

 

 

 

 

 

Concerto de Xingros Big Band, o venres 3 de xaneiro, ás 20:00 horas na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro.

 

 

 

 

 

 

 

Cabalgata de Reis

Un dos días máis agardados será o domingo 5 de xaneiro. Os Reis Magos de Oriente chegarán á estación de ferrocarril de Monforte sobre as 17:00 horas.

O desfile de Carrozas Reais e da súa comitiva comezará ás 18:30 horas dende a Praza da Estación ata chegar ó Concello.

Un pouco máis tarde, ás 19:30 horas, As Súas Maxestades lerán o seu discurso dende o balcón da Casa Consistorial. Posteriormente, recibirán ós nenos e nenas na planta baixa do Concello.

 

 

 

 

 

 

 

 Programa de Nadal Monforte 2019-2020

TEATRO NA REDE GALEGA DE TEATROS E AUDITORIOS /XOVES 12 DE DECEMBRO DE 2019

 

O xoves 12 de dercembro ás 20:15 h e no Edificio Multiusos terá lugar a quinta e derradeira das representacións que a Delegación de Cultura do Concello de Monforte programa no último trimestre de 2019 na nosa cidade, dentro das actividades da Rede Galega de Teatro e Auditorios da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia .

A compañía CULTURACTIVA presenta SENIOR obra dirixida por Avelino González e cun elenco artístico de Luis Iglesia e Marcos Orsi.

Sénior, un espectáculo cómico sobre a crise dos 50.

Trátase dunha reflexión en clave de humor sobre a chegada ás portas da terceira idade. Cando se abandona a madurez e se comeza a ser sénior? Estamos realmente aviad@s para os retos e problemas que se nos botan enriba ao cumprir o medio século? E, sobre todo, estamos preparad@s para ser vell@s?

Iglesia e Orsi rin de si mesmos ante nós.

Cunha comicidade sinxela e directa, na que doadamente se verá identificada a audiencia, e apoiada nun texto enxeñoso de creación propia, Sénior permitiranos rir das situacións máis cotiás, de divertidas anécdotas que, seguramente, moit@s de nós chegamos a vivir e de escenas que só se poden vivir, gozar e padecer a partir dos 50 anos.

Grandes dilemas do sénior: visto como o meu fillo ou como o meu pai? Estou enfermo ou só me fago vello? Porque van todos como tolos nos coches? Isto da idade ten algún remedio?... Ducias de preguntas que este espectáculo non resolverá, pero que son a escusa perfecta para pasar un momento entretido.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.